venres, 7 de febreiro de 2020

Encontro con Manuel Esteban

O día 30 de xaneiro tivo lugar o encontro co escritor Manuel Esteban dentro das actividades das Tertulias Literarias. Foi un pracer contar coas súa presenza para falarnos do traballo da escrita e do seu libro O meu nome é Ninguén. Agardamos para abril de 2020 a nova entrega do comisario Manso!

xoves, 6 de febreiro de 2020

Tertulias Literarias

Un ano máis a Concellería de Cultura do Concello de Ourense organiza as Tertulias Literarias cos clubes de lectura dos diferentes institutos da contorna. O club de lectura Alén das Lagoas participa como cada ano. O título elixido para a tertulia en galego é O meu nome é ninguén de Manuel Esteban. O meu nome é Ninguén é unha novela policial, pero tamén un tratado sobre a perda da identidade, un manual de filosofía para perdedores onde ninguén é o que parece: un inspector de policía que se fai pasar polo seu irmán, un hacker agochado tras un pseudónimo, unha muller que ten que cambiar de nome ou un rapaz con síndrome de Down que pode ser calquera, indistinguible entre a multitude. Un ninguén.

Club de lectura de banda deseñada

Hai vidas que paga a pena contar, tanto polo que teñen de extraordinarias como polo que podemos aprender delas. E, sen dúbida, a de Lucio Urtubia pertence a este selecto grupo. Que é o que ten de especial a vida de Lucio? Porqué resulta tan rechamante? Naceu no ano 1931, e como a gran maioría de habitantes da España daquel tempo medrou na miseria máis absoluta pero, no canto de resignarse, como fixo boa parte da súa xeración, el decidiu loitar contra a inxustiza e a opresión que dende cativo sufría día tras día. Desertou do servizo militar e fuxiu a Francia, onde se converteu en albanel e abrazou o anarquismo por ser unha ideoloxía que procuraba un mundo máis equitativo e xusto. Comezou a participar en atracos de entidades bancarias, un xeito de obter recursos e financiamento con finalidades solidarias, revolucionarias ou propagandísticas desenvolto por determinados grupos anarquistas e denominado por eles mesmos «expropiacións» ou «recuperacións». «Recuperar» cartos manchados de cobiza, corrupción e complicidade co poder para causas máis xustas e humanitarias.
Unha sorte de Robin Hood moderno que levou esta idea ata límites inimaxinables a comezos dos anos oitenta, cando montou toda unha rede de «recuperadores» que por medio dunha imaxinativa estafa expropiou enormes cantidades de diñeiro ao First National City Bank. Recursos que non empregou no seu beneficio, senón para financiar organizacións e grupos libertarios, axudar a familias de presos políticos, etc. Un humilde albanel navarro sen estudos poñendo en xaque ao primeiro banco mundial da época. [Texto e fotografías tirados de http://www.komic.es]

O tesouro de Lucio

Reunión do club de lectura de banda deseñada. Estamos a ler O tesouro de Lucio de Belatz. A historia do anarquista Lucio Urtubia.

Gaiola aberta

 Xa temos dispoñible na nosa biblioteca a revista do instituto Gaiola aberta. Grazas a todos/as colaboradores e á súa coordinadora Elisa Álv...