luns, 23 de marzo de 2020

Recomendacións para época de corentena

Comezamos con este libro as recomendacións para a lectura na casa. Nestes tempos incertos en que non podemos saír imos evitar estar pegados ás redes todo o día. Lembra o lema da nosa biblioteca: Abre un libro, deixa o mundo entrar.
O libro que temos para esta semana é esta obra absolutamente emocionante de Olivier Bourdeaut, Esperando a mister Bojangles da editorial Salamandra.
 Sobre o autor:
 Olivier Bourdeaut naceu en Nantes (Francia) en 1980. Comezou a escribir aos 17 anos, despois de que o seu pai levara a casa un ordenador "antidiluviano". Di: "Nós non tiñamos televisión, o que nos daba a elixir entre o aburrimento, que é moi bo para estruturar o cerebro, ou a lectura, que é aínda mellor"
A descoberta entusiasta da obra de Arthur Conan Doyle faino pasar, aos 14 ou 15 anos, da banda deseñada para a novela. "Foi a primeira vez que pensei que un libro sen imaxes podía ser mellor do que un cómic. Sherlock Holmes ofreceume os meus primeiros insomnios literarios". En 2016, a súa primeira obra Esperando a mister Bojangles converteuse nun éxito literario inmediato. Así, ademais de escalar até o primeiro posto das listas, foi recoñecido con varios premios premios: o Grand Prix RTL-Lire, o Prix du Roman des étudiants France Culture-Télérama, o Roman France Télévisions, o Emmanuel-Roblès e o Prix de l’Académie littéraire de Bretagne. Tamén foi seleccionado para o prestixioso premio Goncourt á primeira obra. `
 Sobre a obra:
"Sobre a cómoda do salón, ante unha enorme fotografía en branco e negro de mamá saltando a unha piscina en traxe de noite, había un precioso e vello tocadiscos no que sempre puñan o mesmo vinilo de Nina Simone e a mesma canción: Mr. Bojangles. Era o único disco que tiña dereito a xirar naquel aparello, o resto da música debía conformarse cunha cadea de alta fidelidade máis moderna e bastante vulgar."
Esperando a mister Bojangles ofrécenos a historia duns pais excéntricos que aproveitan cada pequeno instante da súa vida para ser felices e vivir experiencias novas, bailando a cada momento a famosa canción de Nina Simone que dá título ao libro. O pai, libre de condicionamentos e espíritu inquieto, chama cada día dun xeito diferente á súa muller, e ela ségueo en cada un dos seus pasos. Ás veces marchan ao sur de España, a un castelo que compraron xunto a un lago, onde reciben curiosas visitas. Está contada desde o punto de vista do seu único fillo, que vive abraiado as aventuras dos seus proxenitores e a alegría de vivir. Como o narrador di:"Como se amañan os demais nenos para vivir sen os meus pais?" En definitiva, unha obra moi divertida e tamén un pouco triste, cara ao final, cando a dura realidade aparece nas súas vidas. Recomendámola para todos os públicos que, con seguridade, seguirán as aventuras da voz narradora conscientes da vida familiar que lles gustaría vivir. E aquí vos deixo a canción que dá título ao libro: Nina Simone. Mr. Bojangles

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gaiola aberta

 Xa temos dispoñible na nosa biblioteca a revista do instituto Gaiola aberta. Grazas a todos/as colaboradores e á súa coordinadora Elisa Álv...