Christopher John Francis Boone 15 anos de idade. Coñece todos os países do mundo, as súas capitais e cada número primo até 7.057. Ama as matemáticas, interacciona ben cos animais, mais non ten o entendemento de emocións humanas, non soporta ser tocado e sempre procura rutina, orde e previsibilidade no seu día a día, para que iso o faga sentir seguro e protexido.
E cando estou nun lugar novo, como o vexo todo, é como cando un ordenador está facendo demasiadas cousas ao mesmo tempo e o procesador bloquéase e non queda espazo para pensar noutras cousas. E cando estou nun lugar novo e hai moita xente é aínda máis difícil, porque as persoas non son como as vacas, as flores e a herba, e poden falarche e facer cousas que non esperas, así que tes que reparar en todo o que hai nese lugar e ademais ter en conta as cousas que poderían pasar. E, ás veces, cando estou nun lugar novo e hai moita xente é coma cando se colga un ordenador e teño que pechar os ollos e tapar os oídos coas mans, que é como premer CTRL+ALT+SUPR e pechar todos os programas e apagar o ordenador e reiniciar, de xeito que poida lembrar o que estou facendo e onde se supón que teño que ir. E por iso se me dan ben o xadrez, as matemáticas e a lóxica, porque a maioría da xente está case cega e non ve a maioría das cousas, e ten moito espazo libre na cabeza, que está chea de cousas que non teñen conexión entre si e que son parvadas, como: "Non sei se deixaría o gas aberto".A narración da obra en primeira persoa corresponde a un adolescente con Síndrome de Asperger, un subtipo de autismo dentro do espectro autista. A historia comeza cando Christopher encontra o can do veciño morto no xardín e é inicialmente culpado polo suceso. A partir de aquí, a rutina e a orde que Christopher creou arredor da súa vida comezan a desmoronarse pouco a pouco mentres el investiga quen foi o verdadeiro asasino do can. O brillo da novela está na escolla de Mark Haddon do narrador: momentos tortuosos e cheos de emocións son descritos por un rapaz que non consegue imaxinar a emoción . O efecto é deslumbrante, tornándose unha historia divertida e conmovente, mentres nos dá unha visión diferente do comportamento humano e axúdanos a entender como unha persoa autista pensa, vive e sente. O curioso incidente do can á media noite (en inglés: The Curious Incident of the Dog in the Night-Time) é unha novela do escritor inglés Mark Haddon, escrita orixinalmente en lingua inglesa. A obra recibiu en 2003 o premio Libro do Ano Whitbread, en 2005 o premio ao Mellor primeiro libro para novos lectores e lectoras, e en 2004 o Premio para Escritores da Commonwealth como mellor primeiro libro. O título da novela é unha cita a un comentario feito polo detective de ficción Sherlock Holmes no conto Silver Blaze, de Arthur Conan Doyle. A novela foi traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada en 2008 por Rinoceronte Editora.
Sobre o autor: Mark Haddon (Reino Unido, 1963), vive en Oxford e é escritor, ilustrador e guionista. Licenciado en Literatura Inglesa traballou durante un tempo con persoas que sufrían discapacidades físicas e mentais, e adquiriu o coñecemento sobre o autismo que despois aplicaría con grande acerto no seu primeiro libro para adultos.
Despois dunha incursión pola poesia, Mark Haddon regresou á prosa con Boom! (2009), A casa vermella (2012), The Pier Falls (2016) e O Golfiño (2019), a súa novela máis recente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario