venres, 3 de abril de 2020

Tempo de corentena. Recomendación da semana.

Seguimos coas nosas recomendacións para este tempo de corentena. Esta semana traemos esta obra que, aínda que xa ten uns anos, continúa a ser un referente na temática do autismo, ou, máis concretamente na síndrome de Asperger.
Christopher John Francis Boone 15 anos de idade. Coñece todos os países do mundo, as súas capitais e cada número primo até 7.057. Ama as matemáticas, interacciona ben cos animais, mais non ten o entendemento de emocións humanas, non soporta ser tocado e sempre procura rutina, orde e previsibilidade no seu día a día, para que iso o faga sentir seguro e protexido.
E cando estou nun lugar novo, como o vexo todo, é como cando un ordenador está facendo demasiadas cousas ao mesmo tempo e o procesador bloquéase e non queda espazo para pensar noutras cousas. E cando estou nun lugar novo e hai moita xente é aínda máis difícil, porque as persoas non son como as vacas, as flores e a herba, e poden falarche e facer cousas que non esperas, así que tes que reparar en todo o que hai nese lugar e ademais ter en conta as cousas que poderían pasar. E, ás veces, cando estou nun lugar novo e hai moita xente é coma cando se colga un ordenador e teño que pechar os ollos e tapar os oídos coas mans, que é como premer CTRL+ALT+SUPR e pechar todos os programas e apagar o ordenador e reiniciar, de xeito que poida lembrar o que estou facendo e onde se supón que teño que ir. E por iso se me dan ben o xadrez, as matemáticas e a lóxica, porque a maioría da xente está case cega e non ve a maioría das cousas, e ten moito espazo libre na cabeza, que está chea de cousas que non teñen conexión entre si e que son parvadas, como: "Non sei se deixaría o gas aberto".
A narración da obra en primeira persoa corresponde a un adolescente con Síndrome de Asperger, un subtipo de autismo dentro do espectro autista. A historia comeza cando Christopher encontra o can do veciño morto no xardín e é inicialmente culpado polo suceso. A partir de aquí, a rutina e a orde que Christopher creou arredor da súa vida comezan a desmoronarse pouco a pouco mentres el investiga quen foi o verdadeiro asasino do can. O brillo da novela está na escolla de Mark Haddon do narrador: momentos tortuosos e cheos de emocións son descritos por un rapaz que non consegue imaxinar a emoción . O efecto é deslumbrante, tornándose unha historia divertida e conmovente, mentres nos dá unha visión diferente do comportamento humano e axúdanos a entender como unha persoa autista pensa, vive e sente. O curioso incidente do can á media noite (en inglés: The Curious Incident of the Dog in the Night-Time) é unha novela do escritor inglés Mark Haddon, escrita orixinalmente en lingua inglesa. A obra recibiu en 2003 o premio Libro do Ano Whitbread, en 2005 o premio ao Mellor primeiro libro para novos lectores e lectoras, e en 2004 o Premio para Escritores da Commonwealth como mellor primeiro libro. O título da novela é unha cita a un comentario feito polo detective de ficción Sherlock Holmes no conto Silver Blaze, de Arthur Conan Doyle. A novela foi traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada en 2008 por Rinoceronte Editora.
Sobre o autor: Mark Haddon (Reino Unido, 1963), vive en Oxford e é escritor, ilustrador e guionista. Licenciado en Literatura Inglesa traballou durante un tempo con persoas que sufrían discapacidades físicas e mentais, e adquiriu o coñecemento sobre o autismo que despois aplicaría con grande acerto no seu primeiro libro para adultos.
Despois dunha incursión pola poesia, Mark Haddon regresou á prosa con Boom! (2009), A casa vermella (2012), The Pier Falls (2016) e O Golfiño (2019), a súa novela máis recente.

luns, 23 de marzo de 2020

Recomendacións para época de corentena

Comezamos con este libro as recomendacións para a lectura na casa. Nestes tempos incertos en que non podemos saír imos evitar estar pegados ás redes todo o día. Lembra o lema da nosa biblioteca: Abre un libro, deixa o mundo entrar.
O libro que temos para esta semana é esta obra absolutamente emocionante de Olivier Bourdeaut, Esperando a mister Bojangles da editorial Salamandra.
 Sobre o autor:
 Olivier Bourdeaut naceu en Nantes (Francia) en 1980. Comezou a escribir aos 17 anos, despois de que o seu pai levara a casa un ordenador "antidiluviano". Di: "Nós non tiñamos televisión, o que nos daba a elixir entre o aburrimento, que é moi bo para estruturar o cerebro, ou a lectura, que é aínda mellor"
A descoberta entusiasta da obra de Arthur Conan Doyle faino pasar, aos 14 ou 15 anos, da banda deseñada para a novela. "Foi a primeira vez que pensei que un libro sen imaxes podía ser mellor do que un cómic. Sherlock Holmes ofreceume os meus primeiros insomnios literarios". En 2016, a súa primeira obra Esperando a mister Bojangles converteuse nun éxito literario inmediato. Así, ademais de escalar até o primeiro posto das listas, foi recoñecido con varios premios premios: o Grand Prix RTL-Lire, o Prix du Roman des étudiants France Culture-Télérama, o Roman France Télévisions, o Emmanuel-Roblès e o Prix de l’Académie littéraire de Bretagne. Tamén foi seleccionado para o prestixioso premio Goncourt á primeira obra. `
 Sobre a obra:
"Sobre a cómoda do salón, ante unha enorme fotografía en branco e negro de mamá saltando a unha piscina en traxe de noite, había un precioso e vello tocadiscos no que sempre puñan o mesmo vinilo de Nina Simone e a mesma canción: Mr. Bojangles. Era o único disco que tiña dereito a xirar naquel aparello, o resto da música debía conformarse cunha cadea de alta fidelidade máis moderna e bastante vulgar."
Esperando a mister Bojangles ofrécenos a historia duns pais excéntricos que aproveitan cada pequeno instante da súa vida para ser felices e vivir experiencias novas, bailando a cada momento a famosa canción de Nina Simone que dá título ao libro. O pai, libre de condicionamentos e espíritu inquieto, chama cada día dun xeito diferente á súa muller, e ela ségueo en cada un dos seus pasos. Ás veces marchan ao sur de España, a un castelo que compraron xunto a un lago, onde reciben curiosas visitas. Está contada desde o punto de vista do seu único fillo, que vive abraiado as aventuras dos seus proxenitores e a alegría de vivir. Como o narrador di:"Como se amañan os demais nenos para vivir sen os meus pais?" En definitiva, unha obra moi divertida e tamén un pouco triste, cara ao final, cando a dura realidade aparece nas súas vidas. Recomendámola para todos os públicos que, con seguridade, seguirán as aventuras da voz narradora conscientes da vida familiar que lles gustaría vivir. E aquí vos deixo a canción que dá título ao libro: Nina Simone. Mr. Bojangles

venres, 7 de febreiro de 2020

Encontro con Manuel Esteban

O día 30 de xaneiro tivo lugar o encontro co escritor Manuel Esteban dentro das actividades das Tertulias Literarias. Foi un pracer contar coas súa presenza para falarnos do traballo da escrita e do seu libro O meu nome é Ninguén. Agardamos para abril de 2020 a nova entrega do comisario Manso!

xoves, 6 de febreiro de 2020

Tertulias Literarias

Un ano máis a Concellería de Cultura do Concello de Ourense organiza as Tertulias Literarias cos clubes de lectura dos diferentes institutos da contorna. O club de lectura Alén das Lagoas participa como cada ano. O título elixido para a tertulia en galego é O meu nome é ninguén de Manuel Esteban. O meu nome é Ninguén é unha novela policial, pero tamén un tratado sobre a perda da identidade, un manual de filosofía para perdedores onde ninguén é o que parece: un inspector de policía que se fai pasar polo seu irmán, un hacker agochado tras un pseudónimo, unha muller que ten que cambiar de nome ou un rapaz con síndrome de Down que pode ser calquera, indistinguible entre a multitude. Un ninguén.

Club de lectura de banda deseñada

Hai vidas que paga a pena contar, tanto polo que teñen de extraordinarias como polo que podemos aprender delas. E, sen dúbida, a de Lucio Urtubia pertence a este selecto grupo. Que é o que ten de especial a vida de Lucio? Porqué resulta tan rechamante? Naceu no ano 1931, e como a gran maioría de habitantes da España daquel tempo medrou na miseria máis absoluta pero, no canto de resignarse, como fixo boa parte da súa xeración, el decidiu loitar contra a inxustiza e a opresión que dende cativo sufría día tras día. Desertou do servizo militar e fuxiu a Francia, onde se converteu en albanel e abrazou o anarquismo por ser unha ideoloxía que procuraba un mundo máis equitativo e xusto. Comezou a participar en atracos de entidades bancarias, un xeito de obter recursos e financiamento con finalidades solidarias, revolucionarias ou propagandísticas desenvolto por determinados grupos anarquistas e denominado por eles mesmos «expropiacións» ou «recuperacións». «Recuperar» cartos manchados de cobiza, corrupción e complicidade co poder para causas máis xustas e humanitarias.
Unha sorte de Robin Hood moderno que levou esta idea ata límites inimaxinables a comezos dos anos oitenta, cando montou toda unha rede de «recuperadores» que por medio dunha imaxinativa estafa expropiou enormes cantidades de diñeiro ao First National City Bank. Recursos que non empregou no seu beneficio, senón para financiar organizacións e grupos libertarios, axudar a familias de presos políticos, etc. Un humilde albanel navarro sen estudos poñendo en xaque ao primeiro banco mundial da época. [Texto e fotografías tirados de http://www.komic.es]

O tesouro de Lucio

Reunión do club de lectura de banda deseñada. Estamos a ler O tesouro de Lucio de Belatz. A historia do anarquista Lucio Urtubia.

mércores, 11 de decembro de 2019

benvidos/as de novo

queridos lectores/as retomamos as actividades do blog, que andaba un pouco abandonado. Aproveitando que temos os e-book para o empréstito na biblioteca do centro, imos facer unha nova sección de descargas para libros libres. Saúdos e boas lecturas!

mércores, 19 de xuño de 2019

Festa de fin de curso

Con alivio para moitos e un pouquiño de pena para outros, chegou o fin de curso. Para pechar a nosa andaina polo mundo dos libros, o martes 18 fixemos unha festa! O alumnado colaborador, @s participantes no reto lector e os clubes de lectura... e As profes!
Agora temos todo o verao para ler! Boas vacaciones







venres, 7 de xuño de 2019

Xornadas dos club de lectura

Hoxe andamos a partillar experiencias nas xornadas dos clubes de lectura en Santiago de Compostela. Moitas ideas e ilusión para o vindeiro ano!

xoves, 2 de maio de 2019

RETO MES DE ABRIL

Hoxe reunímonos para comentar as lecturas do reto. Viñeron @s valentes, os q poiden conxugar as lecturas cos exames! Bravo por el@s.
Falamos de moitos clásicos: Grandes esperanzas, Os pazos de Ulloa, As mil e unha noite , Doctor Jeckill, El corazón de las tinieblas...
O próximo reto: Un xénero que nunca liches ou les menos.




Gaiola aberta

 Xa temos dispoñible na nosa biblioteca a revista do instituto Gaiola aberta. Grazas a todos/as colaboradores e á súa coordinadora Elisa Álv...